Crónica do pleno de setembro: puro trámite.

No día de onte celebrouse a sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de setembro. Durou escasamente 20 minutos e, unha vez máis, a orde do día presentábase case espida. O que nós entendemos que deberan ser o centro da vida institucional, as sesións plenarias, están a converterse en meros rituais nos que non se debate practicamente nada do importante nin no que temos a oportunidade de discutir proxectos ou iniciativas do Goberno Local. A parálise e a inacción da que falamos reflíctese á perfección nestas convocatorias, nas que só moi de vez en cando temos a oportunidade de debater sobre algunha iniciativa do Goberno.

No día de onte, despois de aprobar como é preceptivo as actas dúas sesións anteriores, cumpría aprobar as datas dos festivos locais para o ano que vén. A proposta viña previamente consensuada por Partido Popular, PSOE e BNG, e tal e como vén sendo habitual neste ano e medio, a receita é continuísmo. Os festivos locais serán o 11 de xullo (San Bieito) e o 18 de agosto (San Antón). O noso grupo abstívose en base ao que explicou o noso voceiro municipal, Santi Martínez:

Entendemos que a decisión de fixar os festivos locais é algo que lle afecta á totalidade dos veciños e veciñas e, polo tanto, é un asunto propicio para pór en marcha fórmulas participativas, para preguntarlle directamente á xente cales son as datas que prefire, para lanzar, en definitiva, un proceso participativo real do que tantas veces se fala. O Concello ten medios e recursos de sobra para facer unha consulta e trasladarlle a decisión á xente, pero o tripartito prefire facelo doutro xeito. Unha consulta sería algo moi sinxelo de impulsar e desa maneira poderíamos saber se os veciños e veciñas prefiren manter as datas relixiosas como festivos locais ou se pola contra xorden outras propostas. Como xa fixemos onte, aproveitamos unha vez máis para instar ao Grupo de Goberno a pór en práctica eses slogans de participación cos que tanto se lles enche o discurso. Non tendo elementos para valorar as preferencias veciñais, os nosos concelleiros abstivéronse neste punto.

O outro asunto que ocupou a sesión foi a aprobación inicial da ordenanza que regulará as retiradas de madeira nos nosos montes, que busca a protección dos camiños forestais e a prevención de danos nas cortas. Foi sacada adiante por unanimidade. A única intervención foi a de Veciñanza e serviu para lamentar que estando próximos ao remate do ano esta fose a única ordenanza levada a pleno polo Goberno Municipal, malia a necesidade que existe de actualizar moitas delas e mesmo elaborar algunhas novas. Necesidade, por certo, cónstanos que compartida polo Sr. Alcalde como nos ten manifestado en varias ocasións. A parálise que vive o Concello de Cuntis provoca que se renuncie a ter en condicións unha das principais ferramentas de política fiscal, como son as ordenanzas. Reiteramos que seguimos agardando por algunhas delas, como a que regule o uso de instalacións deportivas, aprobada fai case UN ANO a partires dunha moción do noso grupo.

No apartado de pregos e preguntas deixamos constancia, en primeiro lugar, que demos traslado mediante o Rexistro Municipal das demandas expostas polos veciños/as da Bragaña e solicitámoslle ao Sr. Alcalde que fosen atendidas canto antes.

Interesámonos de novo pola situación da non-transferencia da titularidade do Centro de Saúde á Consellaría de Sanidade, cuestión que plantexaramos no pleno do mes de xullo e da que non volvemos ter noticias. O Alcalde revelou que faltan algúns expedientes porque non se atopan no concello, aludindo a un posible mal arquivo ou a simple desaparición por motivos descoñecidos. Do mesmo xeito, explicou que existe a posibilidade de reclarmarlle á Consellaría de Sanidade unha cantidade económica que a Xunta non está transferindo tal e como debera dende a inauguración do propio centro. Ante esta cuestión Veciñanza avalou esa necesidade de reclamar os fondos que a Xunta retivo e que segundo esta versión lle pertencerían á administración local.

No relativo á exclusión de Cuntis por parte da Deputación de Pontevedra do contrato de bolseiro/a para o servizo de información turística, cuestión plantexada polo noso grupo xa no pleno anterior (mes de xullo) o Sr. Alcalde non aportou novidade ningunha.

Previamente, e logo dunha pregunta do voceiro do Partido Popular, o Alcalde aclarou que o cumprimento do acordo adoptado no pleno anterior para a remuda do representante municipal no Consello Escolar terá lugar na seguinte sesión, e que ata daquela o propio rexedor asumir as funcións propias dese cargo.

Share

Tamén pode gustarche...